O museos propoñen un programa de visitas centrado na violencia de xénero

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As actividades comezan este xoves cun encontro con colectivos sociais e artísticos no Museo Provincial de Lugo
cuadro-visitas-violencia-de-xenero-museos
31 Out 2024

A Rede Museística Provincial desenvolverá ao longo do mes de novembro o programa de visitas guiadas Rompe o silencio. Non hai escusa, nas que se amosará a desigualdade e a violencia contra as mulleres como un elemento estrutural que se reflicte tamén na representación das mulleres en obras de arte de distintas etapas históricas.

Baixo a premisa da interseccionalidade, os itinerarios están deseñados para sinalar a interrelación entre a desigualdade de xénero e outros factores como a raza, a clase social, a orientación sexual, a discapacidade, a idade ou orixe étnica, que crean formas específicas e complexas de discriminación.

Os percorridos referéncianse tamén no Convenio de Istambul, empregando as pezas artísticas para ilustrar aspectos fundamentais deste tratado xurídico internacional que recoñece a violencia de xénero como unha violación dos dereitos humanos e sinala a igualdade de xénero como clave para previla.

De maneira previa ás visitas, que se desenvolverán nos catro museos provinciais, este xoves -31 de outubro- o Museo Provincial de Lugo acolle o encontro Eliminación da violencia contra as mulleres: a mirada interseccional e a comprensión da lei a través da arte, aberto á participación de colectivos e profesionais do ámbito social e artístico interesados na temática.

Visitas pola Igualdade

  • Museo Provincial de Lugo: Tradución da lei contra a violencia de xénero mediante pezas museísticas.
Horario: Sábados de novembro ás 11.00 h.
  • Museo Fortaleza San Paio de Narla: SoTERRAdas – Descubrindo a obra Delitos carnais de Luz Darriba e a lenda de Catarina.
Horario: Sábados de novembro ás 12.00 h e ás 17.00 h.
  • Museo do Mar de San Cibrao: Mareas de cambio – Loitando pola eliminación da violencia contra as nenas.
Horario: Sábados de novembro ás 12.00 h.
  • Pazo do Tor: Abrazando o bo trato – Reflexión sobre a violencia de xénero nas mulleres maiores.
Data: 20 de novembro ás 11.00 h.

O programa tamén inclúe unha actividade interactiva na que as persoas poden expresar as súas experiencias, sentimentos e opinións a través dun altofalante, ademais de participar nun photocall para visibilizar a loita contra a violencia de xénero.

0.36004614830017