O Museo Provincial do Mar de San Cibrao proxecta o documental “O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata”

AMariñaXa
A produción afonda na historia da emigración galega ao Río da Plata a través da figura emblemática do ribadense
o-vello-pancho
9 Jul 2025

O vindeiro xoves 10 de xuño, o Museo Provincial do Mar de San Cibrao acollerá a proxección do documental “O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata”, dirixido por Xan Leira. Esta produción, financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, afonda na historia da emigración galega ao Río da Plata a través da figura emblemática do ribadense José Alonso y Trelles, coñecido como “O Vello Pancho”.

O acto contará coa presenza do propio director do documental e de Pablo Rodríguez “Vivín”, escritor, investigador e historiador local de Ribadeo, ademais de depositario do arquivo familiar de Alonso y Trelles. Rodríguez guiará ao público nesta apaixonante viaxe pola historia da emigración galega.

A deputada de Cultura, Iria Castro, convidou a toda a cidadanía a participar nesta proxección e no coloquio que a seguirá, resaltando que estas iniciativas “contribúen ao coñecemento e á divulgación da historia da comarca e do país a partir da pegada da emigración cara a América”.

Un percorrido pola emigración e o legado cultural

O documental estreouse en setembro pasado en Ribadeo, coincidindo co centenario do pasamento do Vello Pancho, e explora a masiva emigración galega ao Río da Plata, especialmente desde a comarca da Mariña e Ribadeo durante a segunda metade do século XIX.

Baseándose no arquivo familiar de Alonso y Trelles, descoberto polo propio Pablo Rodríguez “Vivín”, a película ofrece unha profunda análise da vida e obra deste destacado escritor e político. O documental tamén conta coas achegas de investigadoras e investigadores como Pilar Cagiao, Martín Fernández Vizoso, Manuel Suárez, José Mª Monterroso Devesa, así como de Toni de Seares e Ana Lorenzo, últimos responsables do programa de radio Sempre en Galicia, de Montevideo, e membros do Patronato da Cultura Galega.

Un dos eixes centrais do documental é a obra poética de Alonso y Trelles, na que destacan temas como “a natureza, o gaucho e a vida rural uruguaia”. A súa influencia estendeuse tamén ao mundo da música, coa interpretación dos seus poemas por artistas como Carlos Gardel e Alfredo Zitarrosa. Gardel puxo voz a pezas como “¡Hopa, hopa, hopa!”, “Insomnio” ou “Misterio”, mentres que Zitarrosa fixo de “De la Lucha” un himno reivindicativo.

O legado vivo de “O Vello Pancho”

O coloquio posterior á proxección abordará o significado actual da obra de Alonso y Trelles e a súa contribución ao patrimonio cultural e histórico da provincia de Lugo. A súa traxectoria é “unha ponte entre Galicia e Uruguay”, recordando o papel fundamental dos emigrantes galegos na construción material e inmaterial destes territorios.

 

⚙ Configurar cookies
0.16945791244507