O Museo Provincial do Mar acolle a diversidade lingüística cunha sesión aberta de galego

Desde xaneiro de 2025, un grupo de persoas procedentes de diferentes partes do mundo reúnese semanalmente na Escola de Arroxo, en Lourenzá, para perfeccionar o seu galego. Ademais de afondar na gramática e na literatura, as sesións inclúen conversas sobre historia, xeografía, música e tradicións culturais, tanto galegas como doutros países, abordando temas tan variados como o Cemiterio Alegre de Sapanta, en Romanía, ou o sistema educativo do Brasil.
Este sábado, 29 de marzo, ás 16:30 horas, o grupo trasládase ao Museo Provincial do Mar para desenvolver unha sesión aberta ao público. Será unha oportunidade para dar a coñecer esta iniciativa de aprendizaxe, compartir os traballos de investigación que están a realizar e visitar a exposición Palabra e Memoria, que recolle unha selección de fotografías de epitafios.