O Museo de Álvaro Cunqueiro amplía material expositivo
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro veñen de ampliar o material expositivo con novos obxectos persoais do autor. Este novo material está dentro dunha nova vitrina colocada grazas á colaboración de César Cunqueiro González-Seco, fillo de Álvaro Cunqueiro, que cedeu este material que foi propiedade do escritor mindoniense a quen está adicada a Casa-Museo.
O novo material que xa está exposto consiste no anel de Álvaro Cunqueiro polo título Doutor Honoris Causa concedido pola USC (1980); a medalla da concesión do Pedrón de Ouro a Álvaro Cunqueiro (1980), unha figura de trotador medieval con zanfona correspondente ao Premio da Crítica–Galicia 1979 de Creación Literaria, a petaca para puros, a carteira coas letras A e C entrelazadas na parte dianteira representando a súas iniciais, o catador de viños, unha bola de neve de Carcasone da súa colección persoal, o prato conmemorativo do 4º Premio Literario Ánxel Fole de Lugo do ano 1990 coa efixie de Álvaro Cunqueiro e o petador do seu domicilio en Vigo.
Ademais diso conta con tres novos cadros colocados tamén no museo e cedidos por César Cunqueiro, unha carta enmarcada entre Álvaro Cunqueiro e Vicente Risco, unha fotografía de Elvira (dona de Álvaro Cunqueiro) e un poema orixinal adicado a de Uxío Novoneira, asinado polo autor.