O Moto Clube Valadouro prepara unha nova edición da súa concentración moteira

O Moto Clube Valadouro está a organizar unha nova edición da súa concentración moteira, que se celebrará do xoves 1 ao domingo 4 de maio. Esta será a vixésimo oitava edición do evento e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado de Mocidade, Daniel García, participou esta tarde na presentación do programa, que combina actividades específicas como exhibicións acrobáticas —o sábado pola tarde— e rutas libres e turísticas pola contorna —o sábado e domingo pola mañá— cunha ampla axenda lúdica para público de todas as idades, que encherá de actividade Ferreira durante os catro días do evento.
A organización agarda completar as 530 prazas dispoñibles, repetindo o éxito de convocatoria doutros anos. A falta de case dúas semanas para pechar as inscricións, xa hai preto de 350 persoas anotadas, procedentes non só de Galicia, senón tamén doutras comunidades do Estado e de Portugal.
O ano pasado mesmo se sumaron roteiros de moteiros franceses, lembra o presidente do club, Simón Rubal, quen destaca “a expectación e interese que xera a concentración no pobo” e “o bo ambiente e convivencia” entre veciños e moteiros durante os días que se celebra o evento. Trátase da actividade máis importante organizada polo club, que conta cunha traxectoria de 30 anos, nos que pasou de ter 20 a case 200 persoas socias, procedentes do Valadouro, Alfoz e do resto da comarca.
Daniel García destacou “o dinamismo do club local que, ademais de consolidar un evento de referencia para as persoas afeccionadas ás motos, promove O Valadouro e o interior da comarca da Mariña, e consegue organizar unha programación lúdica que permite que toda a veciñanza participe na actividade”.
A Vicepresidencia da Deputación colabora coa programación musical, incluíndo a actuación do grupo galego de rock e metal Keepers, a noite do xoves.
Fotografía: Daniel García xunto a membros do Moto Clube Valadouro e os concelleiros do BNG Eliseo Teijeiro e Eduardo Chao, xunto ao monólito que conmemora o 25 aniversario do club.