O Ministerio e o sector pactan flexibilidades no control pesqueiro tras as protestas e o amarre da frota

AMariñaXa | ACoruñaXa
Pesca anuncia unha resolución urxente para que erros nas anotacións de capturas por debaixo de 50 quilos non supoñan sanción se o desembarque é correcto e para acurtar o preaviso de chegada a porto
El Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación
20 Jan 2026

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e representantes do sector chegaron este luns, 19 de xaneiro, a un acordo para introducir flexibilidades na aplicación do Regulamento europeo de control da pesca, que entrou en vigor o 10 de xaneiro e xerou unha onda de mobilizacións en portos de toda Galicia, onde houbo concentración e amarre da frota de baixura.

Segundo o comunicado conxunto difundido tras a reunión celebrada na Secretaría Xeral de Pesca con representantes da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e da Confederación Española de Pesca, o obxectivo é facilitar un cumprimento ‘eficaz e compatible’ coa operativa diaria da frota, sen rebaixar as tarefas de control.

Entre as medidas anunciadas, Pesca prevé aprobar unha resolución para establecer que os erros ou omisións na estimación das cantidades no diario de a bordo, cando as capturas por especie sexan inferiores a 50 quilos, non se consideren infracción sempre que a declaración de desembarque recolla as cifras correctas. Ademais, daranse instrucións aos servizos de inspección para aplicar este criterio.

O acordo tamén introduce cambios prácticos na forma de informar as capturas por operación de pesca: esa obriga entenderase cumprida cando se facilite a información, polo menos, unha vez ao día antes de entrar a porto ou no punto de desembarque.

Outra das cuestións máis criticadas pola baixura (o preaviso) tamén se verá modulada: a notificación previa farase no momento no que o buque poña rumbo a porto, de xeito que o prazo poderá ser inferior ás 4 horas previstas con carácter xeral no regulamento, con excepcións para supostos con prazos específicos ou buques suxeitos a preaviso.

No plano europeo, España solicitará á Comisión unha proposta de modificación para que estes erros de anotación por baixo de 50 quilos non constitúan incumprimento e pedirá, mentres tanto, cambios no anexo correspondente para evitar que se consideren infracción grave. O Goberno levará o asunto ao Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da UE do 26 de xaneiro, en Bruxelas.

Ministerio e sector acordaron, ademais, convocar un novo encontro para avaliar como se executan estas medidas e o seu impacto na actividade diaria da frota.

⚙ Configurar cookies
0.091320991516113