O Ministerio aproba un proxecto para desenvolver o turismo gastronómico en Viveiro

AMariñaXa
O proxecto, que contará con fondos europeos, inclúe a varios municipios de España pola calidade dos seus restaurantes e alimentos
Spain-Culinary-Villages
Rede Spain Culinary Villages
3 Xuño 2024

O Ministerio de Industria e Turismo notificou aos concellos implicados no proxecto Spain Culinary Villages, entre eles Viveiro, a aprobación e posta en marcha da iniciativa. O proxecto, que contará con fondos europeos, inclúe a varios municipios de España pola calidade dos seus restaurantes e alimentos, co obxectivo de desenvolver o seu turismo gastronómico e sostible.

Os concellos que forman parte da rede son Ezcaray (A Rioxa), Alcalá del Valle (Andalucía), Viveiro, Moratalla (Murcia) e Parrés (Asturias). Na pasada edición de Fitur, o Concello de Viveiro aportou ao proxecto o percorrido e a traxectoria do restaurante Nito, rexentado pola familia Balseiro dende 1970.

O local conta con 2 soles Repsol e foi recoñecido en Madrid Fusión como unha das seis mellores mariscarías de España. “A nosa gastronomía é un dos moitos atractivos da nosa vila, cunha ampla oferta culinaria de gran calidade. Pertencer a esta rede consolida a nosa posición como destino gastronómico”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. O proxecto desenvolverá diferentes actividades e iniciativas nos concellos da rede para promocionar a súa gastronomía.

0.19858312606812