O mestre burelés Bernardo Penabade recibirá o Premio Meendinho este sábado

AMariñaXa
A Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora Nordés prepara para o 12 de novembro unha nova formación micolóxica básica 
bernardo penabade
5 sep 2023

O próximo sábado, día 9 de setembro, será entregada en Vilar de Santos a décimo cuarta edición do Prémio Meendinho. O momento de partida está marcado para as 12 do mediodía na prestixiosa sala Arca da Noe, onde diversas personalidades galegas e portuguesas van participar na laudatio do premiado: o profesor Bernardo Penabade, representante da iniciativa educativa Modelo Burela.

Inmediatamente a seguir á parte musical, protagonizada polo cantor Sérgio Mirra acompañado da súa banda, o encontro finalizará cun almorzo de irmandade.

Como complemento do encontro académico, a F. Meendinho organizou un xantar de irmandade que será servido na propia Arca da Noe. Os convites, a un prezo de 20 euros, poden ser reservados comunicando directamente para o local (988 44 71 28) ou para a entidade organizadora (661 41 86 61).

Bernardo Penabade

Nacido nas Grañas do Sor -Mañón- en 1964, Bernardo Penabade estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago e desenvolveu unha intensa actividade de dinamización cultural no ‘Burgo das Nacións’. Desde 1985 mantivo colaboración artística no sector audiovisual vinculado á TVG e entre 1987 e 1988 foi colaborador habitual de Volvoreta, suplemento do xornal El Correo Gallego. Tras un breve período no Colexio Paulo VI da Rua de Valdeorras, foi docente no institutos Otero Pedraio (Ourense), Joán Carballeira (Bueu), Ortigueira e no Vilar Ponte (Viveiro). Actualmente traballa no IES Perdouro de Burela. No ámbito asociativo en 1984 entrou no consello directivo da AGAL, entidade da que foi secretario en 1996 e presidente entre 2002 e 2007.

Desde 2003 é un dos impulsores do Modelo Burela, iniciativa de didáctica e planificación lingüística pensada para a aplicación no ámbito local, e coordina o programa radiofónico Proxecto Neo (dedicado á comunidade neofalante) e colabora na produción do Grandes Vozes, dirixido por Marco Pereira Oliveira. En 2021 foi nomeado integrante da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Bernardo Penabade é un referente do fomento da comunicación entre os sistemas educativos de Galiza e Portugal. Durante un período de 17 anos (1988-2005) introduciu as grandes obras das literaturas portuguesa, brasileira e africana como complemento do ensino da lingua galega e en 2005 foi un dos precursores da introdución da materia específica de Lingua Portuguesa na rede de ensino secundario galego, unha medida que contribúe para o aproveitamento de recursos pedagóxicos do mundo lusófono, para a normalización da presenza de personalidades das letras portuguesas nas escolas galegas e para a consolidación das viaxes de estudo “en dirección ao sur”.

Modelo Burela: 20 anos de ensino integrador

En funcionamento desde 2003, o Modelo Burela é unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. As primeiras actividades,  ponte entre a escola e o conxunto da cidadanía, consistiron na recompilación e estudo de escritos do ámbito familiar (convites, recordatorios, lápidas...), das comunicacións comerciais e empresariais, da xestión de comunidades de vivendas e das actuacións xurídicas e notariais. A realización de xornadas de animación á lectura e a promoción do diálogo intercultural a través de intercambios educativos completouse coa posta en práctica dunha escola de comunicación a través da radio, coa emisión de dous programas semanais: Proxecto Neo e Grandes Vozes.

Proxecto Neo é a intervención destinada á incorporación á cultura galega de persoas que non tiveron a nosa como a súa primeira lingua. Desde o mes de xaneiro de 2012 dá a coñecer experiencias de neofalantes que poden servir de modelo para outras persoas que necesitan estímulo para iniciar ese proceso.

Grandes Vozes, ponte musical bidireccional entre as dúas beiras do Atlántico, unindo Europa con África e América, é un diálogo musical feito partindo da música galega e fortalecendo os vínculos co noso mundo lingüístico internacional.

No ámbito da atención á diversidade, o Modelo Burela traballa con alumnado en situación de fracaso escolar extremo e impulsa unha acción educativa en colaboración cos servizos sociais e asociacións culturais, deportivas e recreativas, como axentes de inclusión social.

Recoñecemento social

O premio de innovación educativa outorgado pola Consellería de Educación en 2007 (e consecutivamente nas seguintes convocatorias) foi primeiro recoñecemento para a intervención educativa Modelo Burela, que en 2010 obtivo o recoñecemento da Fundación Peña Novo, recollido por Alfredo Llano (alcalde) e Antonina Semedo (integrante de Batuko Tabanka). Con posterioridade, tamén foi distinguido pola Fundación Donostia, Capital Europea da Cultura (2016) e pola Coordenadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) co premio Mil Primaveras (2019).

Premios Meendinho

A Fundaçom Meendinho outorga un premio destinado a persoas e entidades que destaquen no campo da dinamización cultural e lingüística tendo en conta a dimensión internacional do noso idioma. En 2013 foi galardoado o Concelho de Montalegre; en 2015 Gilvan Müller, Presidente do Instituto Internacional da Língua Portuguesa; e posterioremente a rede de escolas Semente (2016), a cantora Uxía Senlle (2017), a profesora Dores Fernández Abel (2019), a divulgadora cultural Noemí Vázquez Nogueiras (2020), a asociación cultural Ponte nas Ondas (2021) e os youtubeiros Artai Miragaia, Nee Barros (Neeumátiko) e Mario Brión (Olaxonmario), na edición do ano pasado (2022).

0.17758512496948