O Mes da Biblioteca achegará moitas actividades a Foz
O Concello de Foz comeza este domingo, día 8 de outubro, as actividades para conmemorar o Mes da Biblioteca e engade á súa programación clases de baile de verbena.
A Delegación de Cultura, na súa Área de Biblioteca, conmemora este outubro o Mes das Bibliotecas cunha programación especial que se desenvolverá na Casa da Cultura Poeta Manuel María e dará comezo o vindeiro domingo día 8. “Queremos conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas con programación durante todo o mes de outubro. Ademais facémolo en colaboración coa Concellería de Igualdade e as actividades están relacionadas con ese ámbito”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
Este domingo, día 8, ás 11.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura Pakolas encherá de música o lugar co espectáculo Ramona na órbita. A dona do tempo, un musical para maiores de 3 anos que pon en escena o seu libro do mesmo título.
O martes 17 de outubro ás 18.30 horas á Casa da Cultura chegará Caxoto, co seu contacontos Coas mans na masa (contos de igualdade). É para nenos a partir de 4 anos.
O martes 24 de outubro, Día Internacional das Bibliotecas, ás 18.30 horas, tamén na Casa da Cultura, a compañía Mircromina representará a obra Vacacións no mar. É para todos os públicos.
O xoves 26 de outubro ás 18.30 horas na Biblioteca realizarase un contacontos e presentación do libro Horripilantes, de Elena Cienfuegos. É para público de máis de 5 anos.
As actividades do domingo 8 e o martes 17 forman parte do programa Ler conta moito.
A concelleira de igualdade, Elena Martínez, convida “a nenas e nenos a vir e participar nunhas actividades que son o comezo da axenda que se está a preparar na Área de Igualdade e Muller e que proximamente se continuarán anunciando”. E engade que “novembro é un mes moi importante e queremos seguir promovendo actividades que nos leven a un mundo máis igualitario”.
Clases de baile
Tamén se abre o prazo para anotarse nas clases de baile de verbena que se organizan dende a Concellería de Cultura na Sala Bahía. Serán todos os martes ás 19 horas dende o día 10. Para anotarse hai que chamar ao teléfono 982.140.027, extensión 3, ata o vindeiro venres, día 6. O prezo por mes é de 30 euros e serán dende outubro ata maio. Se se finaliza o curso o último mes será financiado polo Concello de Foz. As prazas son limitadas.
“Tivemos moitas peticións de clases de baile. Son para aprender a bailar merengue, boleros, bachata ou outros moitos e ir as verbenas coma un auténtico bailarín”, indica a concelleira de Cultura, que finaliza comentado: “esperamos que se anote moita xente e no verán teñamos unhas verbenas cheas de magníficos bailaríns”.