O mercado semanal de Foz adíase ao venres 18 pola celebración das festas do Carme

Foz
AMariñaXa
Así o trasladou o rexedor, Fran Cajoto, despois de estudar as opcións e acadar unha "solución consensuada"
Concello-de-Foz-2025
10 Jul 2025

O tradicional mercado dos martes en Foz cambiará excepcionalmente de data na vindeira semana e celebrarase o venres 18 de xullo, debido á coincidencia coas festas do Carme. Así o anunciou o alcalde, Fran Cajoto, quen explicou que “despois da petición de varios postos de venda ambulante, buscouse unha solución consensuada ante a imposibilidade dun cambio de ubicación para celebrar o mercado o mesmo martes, polas dificultades de mobilidade que presenta ese día o casco urbano”.

A recomendación da Policía Local tamén foi determinante, tendo en conta que a explanada portuaria, espazo habitual onde se sitúan os postos, estará ocupada polas atraccións e infraestruturas da festa. Ademais, nese mesmo lugar están a executarse obras para as instalacións da nova depuradora de augas residuais, xunto á reforma da rúa Irmandiños. A estas limitacións súmanse os cortes de tráfico e a falta de estacionamento derivados da elaboración das alfombras florais do Carme.

“Vimos o cambio de data como unha alternativa viable e a única posible nestas circunstancias e os vendedores así o entenderon, o que lles agradecemos”, indicou Cajoto, quen tamén puxo en valor a boa disposición dos feirantes. “Teñen sempre boa disposición co Concello nun mercado semanal que é o máis grande da Mariña e que queremos seguir potenciando pola repercusión tan positiva que ten para os negocios de todo o pobo e tamén como un servizo público indispensable para a veciñanza do concello”, engadiu.

O rexedor lamentou, por outra banda, “as críticas do principal partido da oposición, precisamente cando o Partido Popular no seu mandato o que facía nestes casos era directamente anular o mercado sen ofrecer ningún tipo de alternativa”.

O mercado celebrarase, polo tanto, o venres 18 de xullo no seu emprazamento e horario habitual, na zona do peirao de Foz.

⚙ Configurar cookies
0.13983297348022