O mercado semanal de alimentación de Viveiro volverá á Praza Maior

AMariñaXa
O Concello de Viveiro informa que, dende este xoves 18 de novembro, o mercado semanal de alimentación volverá a celebrarse na Praza Maior.
mercado zanahoria vexetais
15 Nov 2021

O Concello de Viveiro informa que, dende este xoves 18 de novembro, o mercado semanal de alimentación volverá a celebrarse na Praza Maior. Así mesmo, dende o domingo 21 de novembro, no mercado quincenal da Variante poderán colocarse a totalidade dos postos.

O goberno municipal adopta esta decisión en virtude do establecido na Orde do 25 de xuño de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica, e na resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, no que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria en Galicia.

Cómpre lembrar que o mercado semanal foi trasladado aos Xardíns Noriega Varela como medida temporal o 4 de xuño de 2020, co obxectivo de ubicalo provisionalmente nun espazo céntrico e próximo á súa situación habitual, coa amplitude suficiente que permitira a colocación de todos os postos mantendo as distancias e demais medidas establecidas pola COVID-19.

Tendo en conta a situación epidemilóxica actual e que o espazo utilizado provisionalmente para a realización do devandito mercado non é de titularidade municipal, non sendo posible manter a súa ubicación nese emprazamento, é polo que se traslada novamente á Praza Maior.

O cambio de ubicación xa foi comunicado aos titulares dos postos, facilitándolles o plano no que se indica o lugar da praza no que deben instalar o posto, así como información referente á Ordenanza sobre a regulación do tráfico no casco antigo do Concello de Viveiro, que entrou en vigor o pasado 25 de xaneiro de 2021, para que poidan tramitar a correspondente autorización.

Polo que respecta á mercado quincenal, a partir do 21 de novembro de 2021 (incluído) poderán colocarse a totalidade dos postos, cunha distancia entre eles de 1,50 metros.

Polo tanto, queda sen efecto o sistema de quendas rotario establecido anteriormente para cumprir as medidas establecidas no seu momento, mediante o cal se viñan instalando, cada día, unicamente a metade dos postos. 

0.21389198303223