A Deputación de Lugo apoia a celebración do Mercado Medieval de Mondoñedo
O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, asistiu ao pregón de apertura da trixésimo segunda edición do Mercado Medieval de Mondoñedo, unha cita declarada de Interese Turístico Galego e que se celebra dende o 9 ata o 11 de agosto no centro histórico do municipio.
A institución provincial realiza unha achega económica de algo máis de 18.000 euros para a realización deste evento. A xornada deste sábado iniciouse ás 11.00 horas co desfile inaugural e a continuación, tivo lugar a lectura do pregón que realizaron María Teresa Sanz e Pablo Zarzalejo, a primeira parella que se casou polo rito medieval hai quince anos.
Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu ao pregón de apertura da XXXII edición do Mercado Medieval que se celebra ao longo desta fin de semana en Mondoñedo.
Neste evento, Gómez salientou a importancia deste tipo de feiras para promocionar e fomentar o consumo dos produtos agroalimentarios de Galicia, así como para impulsar as producións locais de proximidade.
Ademais, a conselleira puxo en valor a ampla tradición deste Mercado Medieval, que está considerado como un dos máis antigos da provincia e que presenta, na Praza da Catedral e nas principais rúas do casco histórico mindoniense, unha ampla oferta de postos artesáns.
Estes espazos amosan os oficios tradicionais da Idade Media, proporcionan a posibilidade de degustar diferentes produtos alimentarios e permiten participar en xogos populares, entre outras actividades.
Así, o programa deste mercado incorpora animación musical nas rúas, contacontos, malabares, monicreques, exhibicións de cetrería, torneos medievais e queimada popular, entre outros moitos atractivos. Así mesmo, hai un recuncho infantil, con actividades para os nenos no parque infantil ao carón do Seminario.