O Mercado Medieval de Mondoñedo entra na elite europea das festas históricas

AMariñaXa
O evento mindoniense, que celebrará a súa 33ª edición en agosto, foi incluído nas asociacións española e europea de recreacións históricas
Mondonedo-mercado-medieval-asociacion-recreacion-historia-europa
15 May 2025

O Mercado Medieval de Mondoñedo continúa a consolidarse como un dos eventos máis emblemáticos do verán galego. O Concello vén de recibir a confirmación oficial da incorporación desta celebración á Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, así como á súa homóloga europea.

Este recoñecemento supón un novo impulso para a proxección nacional e internacional do Mercado Medieval, que se desenvolve na cidade episcopal cada segunda fin de semana de agosto e que nesta ocasión alcanzará a súa trixésimo terceira edición.

A adhesión á rede española e europea de festas históricas chega grazas ao traballo conxunto do Concello de Mondoñedo e da Asociación O Pasatempo, entidade que colabora activamente na organización do evento.

Dende o goberno local destacan que esta inclusión supón “un paso importante no camiño de consolidar Mondoñedo como referente da recreación histórica en Galicia”, así como unha oportunidade para ampliar a promoción turística da vila.

O Mercado Medieval mindoniense, que recrea con coidado os usos, oficios e ambientacións da época medieval, leva máis de tres décadas enchendo as rúas do centro histórico de postos artesáns, representacións teatrais, música e gastronomía tradicional. A súa fidelidade estética e o compromiso co patrimonio valerónlle este novo recoñecemento, que tamén permitirá compartir experiencias con outras festas históricas de prestixio en España e Europa.

A organización xa traballa intensamente nos preparativos da edición deste 2025, coa intención de ofrecer un programa variado e atractivo que siga atraendo visitantes e fomentando o orgullo pola historia local.

⚙ Configurar cookies
0.076560974121094