O Mercado Medieval de Mondoñedo contribuirá a diversificar a oferta festiva de Galicia

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe o papel de celebracións de interese turístico de Galicia como o Mercado Medieval de Mondoñedo para diversificar a oferta do verán galego con propostas como esta, no interior da provincia lucense.
5 Ago 2019

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou hoxe o papel de celebracións de interese turístico de Galicia como o Mercado Medieval de Mondoñedo para diversificar a oferta do verán galego con propostas como esta, no interior da provincia lucense. Así o manifestou durante a presentación deste evento, que se celebrou en Santiago de Compostela coa presenza da alcaldesa deste municipio lucense, Elena Candia.

A directora de Turismo de Galicia recordou que se trata de unha das tres festas de Interese Turístico de Galicia coas que conta Mondoñedo e das máis de 140 recoñecidas con esta distinción na Comunidade galega. “O Mercado Medieval é un perfecto exemplo desta diferenciación e singularidade de Galicia que nos está a axudar a ser cada vez máis atractivos para os viaxeiros que recibimos nestas datas”, engadiu.

Durante a súa intervención salientou tamén a contribución desta celebración como unha das citas festivas máis destacadas do verán galego que permite coñecer este destino que ocupa tamén un lugar destacado na política turística da Xunta. Está recoñecido como un dos pobos máis bonitos de España, é protagonista da nova experiencia impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo este ano, Un paseo de historia e vida –que deseña percorridos por diferentes cascos históricos galegos entre os que se atopa o de Mondoñedo- tamén alí se vén de abrir a Casa Museo de Álvaro Cunqueiro que contou co apoio da Consellería de Cultura e Turismo.

Nava Castro destacou tamén a súa condición como unha das etapas do Camiño do Norte e tamén como un dos últimos concellos galardoados co Premio Galicia Parabéns outorgado pola Xunta pola súa aposta por facer “unha Galicia máis bonita, máis verde e de máis calidade”, dixo recordando que festividades como o Mercado Medieval de Mondoñedo será unha perfecta oportunidade para coñecer este concello.

Cómpre destacar que a Xunta de Galicia destina preto de 360.000 euros, a través dunha liña de subvencións, a Festas de interese turístico de Galicia co fin de colaborar na súa difusión e promoción.

 

0.20356607437134