O Mercado e Rastro de Nadal de Burela converterá a Praza da Mariña nun espazo de encontro e creatividade

A Praza da Mariña de Burela volverá encherse de ambiente festivo coa celebración dunha nova edición do Mercado e Rastro de Nadal, que terá lugar durante a fin de semana do 29 e 30 de novembro. A iniciativa, impulsada pola área de Cultura do Concello, quere poñer en valor o talento local, fomentar o consumo consciente e ofrecer un espazo de convivencia e encontro tanto para veciños como para visitantes.
O evento, de acceso libre e participación totalmente gratuíta, está pensado como unha proposta aberta e dinámica. “Queremos dar visibilidade ao talento local e apoiar a economía de proximidade”, explicou a concelleira de Cultura, Lina Gómez, quen salientou tamén que o mercado “é unha boa oportunidade para descubrir a creatividade dos nosos artesáns e para apostar pola reutilización responsable nun ambiente cheo de espírito de Nadal”.
Para facilitar a organización e crear un percorrido máis cómodo para o público, o espazo da Praza da Mariña dividirase en dúas áreas diferenciadas. A Zona A estará centrada no mercado artesanal e creativo, con expositores que ofrecerán produtos elaborados por eles mesmos ou de carácter artístico. A Zona B acollerá o rastro de segunda man, con postos nos que se poderán atopar libros, roupa, complementos e xogos usados en bo estado, apostando pola reutilización e o consumo sostible.
A convocatoria está aberta a artesáns, creadoras e creadores, asociacións culturais ou veciñais, persoas autónomas e maiores de idade que desexen expoñer ou vender produtos de elaboración propia, así como artigos de segunda man. O Concello será o encargado de asignar os espazos dispoñibles segundo as características dos postos e a capacidade da carpa, lembrando que as prazas son limitadas e se cubrirán por orde de inscrición.
Cada participante poderá solicitar ata dúas mesas, indicando no formulario as súas necesidades específicas. Deste modo, búscase garantir unha organización equilibrada e adaptada ás distintas propostas. A concelleira de Cultura destacou ademais que “o Mercado e Rastro de Nadal é unha cita pensada para todos os públicos, que combina artesanía, creatividade e un espírito participativo que representa moi ben o carácter de Burela nestas datas”.
As persoas interesadas en participar poden descargar as bases completas e o formulario oficial de inscrición a través da web municipal burela.org
, e enviar a súa solicitude ao correo electrónico cultura@burela.org
antes do 16 de novembro.