O mercado dos mércores de Ribadeo contará desde esta semana con todos os postos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que o mercado semanal dos mércores contará esta semana coa totalidade dos postos que había na súa ubicación anterior.
9 Xuño 2020

O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que o mercado semanal dos mércores contará esta semana coa totalidade dos postos que había na súa ubicación anterior. Para o rexedor isto suporá un novo impulso para o mercado ribadense, onde seguirá habendo estritas medidas de protección e de hixiene e onde se deberán manter as distancias de seguridade entre vendedores e compradores. Os postos estarán colocados no aparcamento municipal e na rúa Daniel Cortezón.

Fernando Suárez contou que “logo de ir aumentando o número de postos nestas últimas semanas, desde que cambiamos o mercado semanal dos mércores para a nova ubicación no aparcamento público detrás da Avenida de Galicia, este mércores contamos con celebralo coa totalidade dos postos que había tanto no ámbito agroalimentario como noutro tipo de sectores como o téxtil, etc…”.

O alcalde explicou que “todos os postos teñen que ter unhas medidas necesarias e obrigatorias de protección e de coidado de acordo coas normativas de sanidade que recibimos todos os Concellos”.

O rexedor engadiu que “agora, con toda esta intención de colocar todos os postos, entendemos que vai dar un novo impulso ao mercado tanto para os consumidores como para os produtores, para os que venden e para os que compran. Confiamos que todo vaia indo tal cal foi indo nestas últimas semanas, que foi indo razoablemente ben, cos espazos de separación suficientes e actuando todo o mundo de maneira moi prudente para conseguir entre todos facer que o mercado de Ribadeo siga sendo un mercado seguro, coas distancias de protección e de seguridade entre postos e entre postos e compradores, e esperemos que vaia sendo así. Agora xa ocupando a totalidade do aparcamento e incluso a rúa Daniel Cortezon”.

0.091840028762817