O Mercado dos Domingos ribadenses pecha a temporada de 2022
O Mercado dos Domingos pecha a temporada de 2022 o vindeiro 9 de outubro. Esa xornada haberá un obradoiro de cociña con produtos da horta, tapas nalgún dos locais da contorna da praza de abastos e música. As actividades foron presentadas polo concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.
O edil ribadense contou que “o mercado dos Domingos de Ribadeo chega ao seu fin de tempada. Este mercado dunha longa traxectoria é xa unha cita obrigada para moitas persoas de Ribadeo e da nosa comarca, que atopan nel produtos ecolóxicos e de proximidade coma queixos, pan, doces, embutidos, cervexa artesanal, setas, zumes, marmeladas e moitos outros produtos de artesáns e variados da nosa zona”.
Vizoso Galdo dixo: “o Mercado dos Domingos pode considerarse como un dos principais escaparates da Mariña de produtos locais elaborados no noso territorio e que na mañá deste domingo, 9 de outubro, celebrará o fin de festa pechando así esta temporada de 2022. Os 15 produtores e produtoras que conforman este mercado se despiden del, pero continúan o seu traballo día a día producindo para aqueles consumidores e aquelas persoas que desexen seguir comprando produto local, alimentos saudables e axudando ao noso territorio con prezos dignos para os/as produtorxs”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local explicou que “durante esta xornada de fin de festa poderemos participar desde as 11.30 da mañá dun obradoiro de cociña de produtos da horta, que impartirán As Ribeiregas e pecharemos con música no mercado entorno ás 13.30 horas cos artistas convidados Amoebo, Daiv e Rio. Ademais durante a mañá poderemos gozar de tapas da horta nalgún dos locais da contorna da praza de abastos”.
Pablo Vizoso engadiu: “para o Concello de Ribadeo, en colaboración coa asociación A Sucadoira, esta iniciativa do Mercado dos Domingos é de grande importancia porque axuda á creación de emprego, ao desenvolvemento rural, ao coidado do medio, e ao mesmo tempo se fomenta a cultura e ocio gastronómico, san, de calidade e digno para as persoas produtoras”.