O Mercado de Produtos Locais de Vilaronte celebra a súa cuarta edición o 4 de maio

Vilaronte prepárase para acoller o IV Mercado de Produtos Locais “Aos Pés de Cornería”, un evento xa consolidado que terá lugar o vindeiro domingo, 4 de maio, no Atrio da Igrexa de Vilaronte. Organizado pola Asociación Cultural O Atrio, este mercado busca poñer en valor os produtos locais e fomentar a economía de proximidade.
Nos vindeiros días, a organización irá desvelando a programación completa a través das súas redes sociais, polo que animan a estar atentos para non perder ningunha das novidades. Ademais, todos aqueles que desexen participar cun posto no mercado poden contactar con Andrés (669 106 817) ou Leticia (664 120 073), así como a través das redes sociais da asociación.
Dende a organización aseguran que esta cuarta edición contará con algunha sorpresa especial, polo que convidan a toda a veciñanza e visitantes a reservar a data e achegarse a gozar dun día dedicado á tradición, á gastronomía e ao comercio local.