O Mercado de Primavera encherá a vila de tradición, música e actividades para toda a familia

AMariñaXa
O evento celebrarase o 28 de marzo cun amplo programa que inclúe mercado tradicional, animación infantil, música en directo e o popular concurso de zocas e vestimenta tradicional
Mercado-de-Primavera-2026-valadouro-XA
13 Mar 2026

O concello celebrará o próximo 28 de marzo unha nova edición do Mercado de Primavera, unha cita que cada ano reúne veciñanza e visitantes arredor da cultura tradicional, a música e as actividades pensadas para todos os públicos.

A organización vén de presentar o cartaz desta edición, que contará cunha programación variada ao longo de toda a xornada. Entre as propostas destacan o mercado tradicional, demostracións de oficios artesáns e diferentes actividades culturais e de lecer que pretenden converter a vila nun punto de encontro para familias e amantes das tradicións.

Un dos momentos máis singulares da xornada será o Concurso-Desfile de Zocas e Vestimenta tradicional, unha iniciativa que busca poñer en valor a indumentaria e o calzado tradicionais galegos, e que cada ano esperta grande expectación entre o público participante e asistente. Ademais, haberá espazos como o Fotoenxebre, pensado para que os visitantes poidan levar un recordo da xornada.

A música terá tamén un papel protagonista durante todo o día. No apartado musical participarán Amado Lar-Dambara, con música tradicional; Comando Curuxás, que protagonizarán a sesión vermú; e Ailá, que ofrecerán o concerto principal da noite. A animación nas rúas estará garantida con actuacións itinerantes de Os Caliqueños, Mekanika e Festicultores Troupe, que percorrerán o recinto do mercado achegando ritmo e ambiente festivo.

O programa inclúe tamén unha ampla oferta dirixida ao público máis novo e ás familias. Entre as propostas destacan o espectáculo de contacontos Romería, a cargo de Raquel Queizás; os títeres de Marionetas do Mundo co espectáculo Cachirulo; os xogos tradicionais de VaidaVai e os paseos en poni organizados pola Granxa do Souto.

Desde a organización anuncian que o cronograma completo co horario de todas as actividades e a súa localización será publicado o próximo luns, co obxectivo de facilitar que veciñanza e visitantes poidan planificar a súa visita e gozar dunha xornada que volverá apostar pola tradición, a cultura popular e o ambiente festivo.

PROGRAMA

0.11631202697754