O mercado da horta do domingo en Ribadeo incluirá un espectáculo de cocina con produtos locais
Ribadeo acollerá na mañá do domingo, 11 de agosto, un día dedicado ao produto local dentro do Mercado dos Domingos. A actividade está organizada polo Concello de Ribadeo e a Asociación de produtores e produtoras da Horta de Ribadeo A Sucadoira.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explica que “celebramos este día do produto local no Mercado dos Domingos porque entendemos que é o mellor lugar para comezar a valorar o produto local, por ser o mercado de produtores e produtoras locais onde se achega directamente os produtos ao consumidor, das persoas produtoras á mesa, poñendo en valor a economía máis próxima e potenciando o consumo de tempada e responsable”.
O edil ribadense sinala que “durante a mañá do 11 de agosto o Mercado dos Domingos ademais de acoller a venda directa dos produtores e produtoras que habitualmente asisten a esta cita, será escenario de diversas actividades co obxecto de valorar o produto local e animar o mercado. Desde primeira hora poderemos gozar cunha mostra de produtos locais de tempada. As 11:30 horas dará comezo dentro do espazo Experiencias do Mercado a Cociña sostible do Eo, na que a través dun showcooking feito con produtos do mercado achegáranos as diferentes posibilidades e beneficios do emprego dos produtos da zona na nosa alimentación e o seu impacto na economía local. E xa entre as 12:30 e as 14:00 horas haberá música tamén no Mercado dos Domingos, que será a animado polo grupo Dos Folk”.
Pablo Vizoso anima “a pasar a mañá do vindeiro domingo dun xeito diferente, dando unha volta polo noso Mercado dos Domingos no que poderemos apreciar unha ampla variedade de produtos de tempada desta zona e gozar das actividades organizadas para celebrar este Día do Produto Local en Ribadeo”.