O Mercadiño de Nadal de Lourenzá encherá de ambiente festivo a Praza Conde Santo

AMariñaXa
O Concello organiza unha xornada con entrada gratuíta para impulsar o comercio local e celebrar o espírito do Nadal
Lourenza-Nadal-decoracion-2021-praza-Conde-Santo-(3)
18 Nov 2025

A Praza Conde Santo de Lourenzá converterase o domingo 14 de decembro, entre as 11:00 e as 20:00 horas, no epicentro da actividade festiva coa celebración do tradicional Mercadiño de Nadal, unha cita organizada polo Concello de Lourenzá que pretende dinamizar a vila e ofrecer un espazo de encontro para veciños, visitantes e pequenos produtores.

O evento contará con participación gratuíta, polo que todas as persoas interesadas en instalar un posto poderán anotarse nas oficinas municipais ou chamando ao 982 121 006 ata o 10 de decembro. Desde o Concello animan á veciñanza a participar e lembran que o mercadiño “é unha excelente oportunidade para compartir o espírito do Nadal, apoiar o comercio de proximidade e gozar dun ambiente familiar e acolledor”.

A Praza Conde Santo vestirase de gala para recibir esta actividade, que combinará a venda de produtos artesáns, agasallos, doces e decoración navideña, nun escenario ambientado con iluminación e música propia destas datas. “Queremos que Lourenzá respire Nadal e que este evento sirva tamén para dar a coñecer o talento e a creatividade da nosa xente”, explican desde o goberno local.

Coa celebración do Mercadiño de Nadal, Lourenzá suma un novo atractivo ás súas actividades de fin de ano, apostando por manter vivas as tradicións e por crear espazos de convivencia que reforcen o tecido social e económico da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.073456048965454