O mellor do rock nacional chega ao Valadouro
Os amantes do rock teñen unha cita en Ferreira do Valadouro. O Valadouro Rock celebrarase o vindeiro 22 de xuño ás 17.00 horas e contará con grandes bandas a nivel nacional. Empezará cunha sesión vermú gratuíta amenizada pola banda asturiana Skuld. O cartel está encabezado por un clásico do hard rock e o heavy metal español como é Obús, grupo madrileño da década dos 80. Tamén estarán os galegos Strikeback, os asturianos Drunken Buddha e os os valencianos Gigatrón.
Procedentes da capital chegan Vita Imana cos seus sons ambientais e agresivos teñen como motor unha percusión firme, de tons graves. Outro dos grupos que animarán a festa serán os ribadenses Materia Morta, que darán que falar entre os amantes da música en directo. Completan o cartel o grupo de Avilés Leather Boys e o ex de Siniestro Total, Miguel Costas. Ademais, os interesados tamén poderán acampar, sendo esta unha opción completamente gratuíta.
Deberán cubrir o formulario da web e xa no festival acreditaranos como campistas. Para facilitar a asistencia ao festival poñen en marcha servizo de autobuses que sairá da estación de autobuses de Viveiro ás 15.00 horas e pasará por Xove (parada na estrada Gral), San Cibrao (estación de autobuses), Cervo (parada de bus do Concello), Burela (estación de autobuses), Cangas de Foz (parada de bus da Casa Selmira) e Foz (estación de autobuses). A volta será ás 4.30 horas.