O mellor cine galego chega á Casa da Cultura de Foz
A Casa da Cultura de Foz volve a converterse nunha sala cinematográfica este mes de outubro coas proxeccións dos documentais, longametraxes e, por primeira vez, curtas do Ciclo Mestre Mateo. Todas as finalistas poderanse ver os mércores e xoves deste mes, ás 20.00 hoas. Tan só deixn para o domingo 13 a película Salta!, para todos os públicos. O documental A viaxe de Lucy, o mércores 2, é o encargado de inaugurar as proxeccións, que seguen o xoves coa longametraxe Fatum.
O xoves 10 é a quenda do filme Matria e o domingo 13, a partir das 18h, será quenda para o filme para todos os públicos, Salta! Emoción vida e teatro: a nave das Marías, será o documental que se proxectará o mércores 16, e o xoves 17 poderase gozar da gañadora a mellor longametraxe, O corno. O mércores 23 será o gañador a mellor documental o protagonista, Os espazos en branco.
E o xoves 24 e mércores 30 haberá dúas sesións nas que se proxectarán as curtas finalistas, tanto de animación como de imaxe real. A concelleira de Xuventude, Zoraida Coira, destaca a oportunidade un ano máis, da man da Academia do Cine Galego e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, de poder gozar do mellor cine galego do ano, con proxeccións non só de longametraxes que se distribuíron en salas de cine, senón de documentais e curtas que non tivemos posibilidade de ver.