O mar comeza nos sumidoiros, é a nova actividade da Ocioteca de Verán de Burela
As monitoras da aula Gaia traballaron no paseo marítimo xunto cos nenos e nenas da Ocioteca de Verán a importancia de non tirar lixo sólido nos sumidoiros polas consecuencias negativas que ten sobre o medio ambiente e, particularmente, sobre o mar.
A actividade “O mar comeza nos sumidoiros” conseguiu concienciar aos máis pequenos de que o mal uso destes condutos trae como consecuencia a obstrución das redes de drenaxe, provocando atascos e colapsos.
Xunto coas monitoras, aprenderon que os sumidoiros non son vertedoiros, senón que a súa función é a de recoller e transportar augas residuais, industriais e pluviais. Deste xeito, non se poden tirar trapos, pedras, pañais, aceites e outros elementos que entorpecen ou danan o seu funcionamento.
O grupo trasladouse ao paseo marítimo para pintar nos sumidoiros desde a zona da Marosa ata o Portelo uns pequenos peixes para simbolizar que o mar comeza aí, facendo fincapé en que non se deben arroxar desperdicios ao chan e que si se debe facer un uso correcto das papeleiras. Axudáronse de plantillas, pinturas e pinceis para realizar esta campaña que non queda só na Ocioteca, senón que pretende espertar conciencias á poboación xeral.
Este obradoiro forma parte do programa de educación ambiental Bandeira Azul no que participa o Concello de Burela, co obxectivo de organizar distintos obradoiros relacionados co cambio climático, a perda da biodiversidade e a contaminación, especialmente sobre as consecuencias negativas de que o lixo remate no mar.