O luns entra en vigor a nova regulación de tráfico no casco antigo
O Concello de Viveiro anuncia que o próximo luns, 25 de xaneiro, entrará en vigor a ordenanza sobre a regulación do tráfico no casco antigo do municipio. Dita ordenanza fora aprobada polo Pleno da corporación o pasado 1 de decembro de 2020.
Coa entrada en vigor de dita ordenanza, as entradas e saídas ao casco antigo realizaranse polas rúas Maruxa Mallo e Irmáns Vilar Ponte, que serán os principais puntos de entrada e saída ao casco antigo.
Este mapa tamén figurará no reverso dos Distintivos de Acceso Restrinxido. A veciñanza poderá solicitar estes distintivos nos seguintes supostos:
- Usuarios de garaxes (Distintivo G).
- Titulares de establecementos comeciais (Distintivo EC).
- Servizos de distribución e reparto (Distintivos D e DP).
- Mercado semanal (Distintivo M).
- Acceso a persoas con dificultades de mobilidade temporal ou definitiva (Distintivo MR).
- Servizos esencias para a comunidade (Distintivo S).
- Residentes (Distintivo R).
- Empresas de servizo de comida rápida, reparto asistencial de comida a domicilio, reparto urxente de medicinas (Distintivo RR).
- Obras (Distintivo O).
- Eventos e celebracións (Distintivo EV).
- Autorizacións extraordinarias (Distintivo EX).
A partir do 25 de xaneiro, o Concello de Viveiro habilitará un modelo de solicitude que estará dispoñible no Rexistro Municipal, na sede electrónica e na páxina web do concello. Tamén se indicará a documentación que se deberá achegar en cada suposto.
Dende o Concello de Viveiro informan que as solicitudes de acceso ao casco tramitaranse no menor tempo posible, pero recordan que teñen que expedirse de novo todos os permisos de acceso, o que levará un certo tempo.
Ademais, o goberno municipal traslada que, nas primeiras semanas, a Policía Local realizará unha labor de información e concienciación para a adaptación íntegra ao establecido nesta ordenanza.
Dende o Concello de Viveiro pregan aos interesados/as que soliciten os Distintivos de Acceso Restrinxido o antes posible e que leven consigo a copia da solicitude cando circulen polo interior do casco antiguo, mentres non dispoñan da autorización e do distintivo. Ademais, o goberno local recorda que se deben cumprir os requisitos establecidos na ordenanza, tanto en materia de horario como en tempo de permanencia, así como outras cuestión reguladas na mesma.
Por último, as cotas tributarias polo acceso ao casco antigo, establecidas nunha das ordenanzas fiscais, non se adecúan aos supostos da nova ordenanza. Polo tanto, dende o goberno local informan que será necesario elaborar unha nova ordenanza fiscal.
Descargo o plano a tamaño real neste enlace