O local social das Anzas luce nova imaxe tras as obras de mellora impulsadas polo Concello de Ribadeo

O Concello de Ribadeo continúa coa súa aposta por mellorar os locais sociais do municipio. Nesta ocasión, foi o das Anzas o que estreou nova imaxe logo das obras de rehabilitación realizadas co apoio da Xunta de Galicia.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “seguimos mellorando os locais sociais, neste caso o das Anzas. Detectamos varios problemas e, en coordinación coa asociación veciñal, xestionamos unha subvención autonómica para poder acometer os traballos sen empregar fondos municipais nin da propia asociación”. O rexedor salientou que “a Xunta de Galicia dispón dunha liña de axudas dirixida ás asociacións veciñais, e neste caso foron concedidos 12.000 euros para a obra e 5.000 para o equipamento”.
As actuacións desenvolvidas incluíron a retirada da antiga escaleira que provocaba humidades nas paredes, o acondicionamento da entrada para eliminar barreiras arquitectónicas, o arranxo das zonas interiores e exteriores afectadas pola humidade e a instalación dunha nova estufa que mellorará o confort térmico. Ademais, procedeuse ao pintado completo do interior e do exterior do edificio.
Segundo indicou Vega, “os obxectivos eran claros: mellorar a seguridade e durabilidade do edificio, garantir a accesibilidade universal, incrementar o confort dos usuarios cunha climatización máis eficiente e revitalizar este espazo de convivencia e encontro social para os veciños das Anzas”.
O alcalde detallou que “todo o proxecto supuxo un investimento duns 12.000 euros, e responde á vontade de colaborar coas asociacións para que poidan solicitar subvencións destinadas á mellora dos locais sociais de titularidade municipal. É un beneficio para todos, porque supón conservar e dignificar espazos que son fundamentais para a vida comunitaria”.
Dani Vega tamén quixo agradecer o traballo e a implicación da asociación veciñal das Anzas: “a súa colaboración e boa disposición foron fundamentais para sacar adiante esta mellora. Grazas polo labor que están a realizar día a día”.
O rexedor rematou asegurando que o goberno local seguirá traballando nesta liña: “continuamos coa xestión permanente e coa colaboración coas asociacións de veciños para que os locais sociais sigan sendo espazos activos, cómodos e accesibles para todos”.