O libro A Super_Acción de Mauricio normaliza as enfermidades mentais co mundo mariño
A Asociación de Saúde Mental A Mariña ao abeiro do proxecto Sabores do mar, saboreando a vida e a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal vén de crear o libro A Super_Acción de Mauricio, que foi presentado onte oficialmente.
Alí a responsable autonómica do Mar, Rosa Quintana destacou que este conto constitúe a primeira obra literaria sobre saúde mental en Galicia e que está creada integramente por persoas con enfermidade mental. Neste sentido, puxo en valor que se trata dun “canto á diversidade” e que supón todo un exemplo para os máis pequenos.
A Super_Acción de Mauricio é a historia dun rapaz de Viveiro que embarca en Burela para a captura da pescada e que, estando en alta mar, sofre un brote psicótico e comeza a falar co peixe.
Nace co obxectivo de normalizar o padecemento dunha enfermidade mental e eliminar prexuízos ao mesmo tempo que se enxalza o mundo mariño e a calidade dos seus produtos. “É a posta en valor do noso mar como o escenario perfecto para sensibilizar sobre os coidados que precisa a nosa mente e abordar un tema considerado aínda tabú que é preciso visibilizar”, destacou Rosa Quintana.