O IV Trail Muiños de Riotorto entra por primeira vez no calendario galego

TerraChaXa | AMariñaXa
A carreira formará parte da Serie Prata e situará a Riotorto no mapa autonómico do trail running xunto ás competicións máis importantes das catro provincias
Trail-muinos-riotorto-2024
22 Nov 2025

O IV Trail Muiños de Riotorto dá este ano un salto cualitativo e convértese nunha das citas oficiais do calendario galego de trail running para 2026. A incorporación da proba riotortense, que se celebrará o 23 de maio, supón un recoñecemento ao crecemento e á consolidación dunha carreira que en pouco tempo conseguiu gañar prestixio entre corredores e afeccionados.

A organización confirmou que o Trail Muiños formará parte da Serie Prata, tanto nas distancias Classic como Preclassic, o que permitirá que deportistas de toda Galicia se acheguen a Riotorto para puntuar nunha das tempadas máis completas dos últimos anos. O anuncio chega ademais acompañado dun adianto do calendario 2026, que inclúe probas nas catro provincias e varios campionatos autonómicos e estatais.

O ano deportivo abrirase o 31 de xaneiro co Trail Terras de Burón, na Fonsagrada, coñecido como o trail do inverno. A continuación, o 14 de febreiro celebrarase o Castro Trail, que acollerá o Campionato de Galicia de Trailrunning Absoluto Individual, Sub23 e Máster. A cita de Ames, o Trail Ribeiras do Tambre, será o 8 de marzo e converterase no Campionato de Galicia de Trailrunning Preclassic.

A competición seguirá o 15 de marzo en Caldas de Reis, onde o Trail Laxe dos Bolos será sede do Campionato de España de Trailrunning Individual e por Clubs na modalidade Short Trail. O 29 de marzo chegará unha das probas máis esperadas, o Trail Cova da Bruxa, en Muros, primeira carreira da Serie Ouro e tamén a primeira puntuable por clubs.

Xa en maio, antes da chegada do Trail Muiños de Riotorto, disputarase o día 9 o Trail Vila de Cuntis, segunda proba da Serie Ouro e novamente puntuable para a clasificación por equipos. Tras a etapa riotortense, o 14 de xuño será a quenda das Carreiras de Montaña de San Pedro de Rocas, en Esgos, Campionato de Galicia por Clubs Absoluto e de Promoción.

A FGT lembra que 2026 chegará cargado de novidades, tanto nas probas Ouro e Prata como nos diferentes campionatos que completarán a tempada: Vertical, Carreiras de Montaña, Maratón e Ultra. Un adianto dun ano no que Riotorto terá por fin o lugar que merece dentro do panorama galego, converténdose nun punto de encontro para deportistas que buscan percorridos esixentes, natureza e unha organización que medra edición tras edición.

⚙ Configurar cookies
0.07953405380249