O IV Plan de Igualdade de Ribadeo rematarase a comezos de 2024 para comezar a implantar as medidas
O IV Plan de Igualdade de Ribadeo estará rematado a comezos do vindeiro ano. Así se trasladou na última xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero que acolleu o Salón de Plenos do Concello de Ribadeo.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, contou que a directora de Coeduca, Pilar Porral, consultora encargada da elaboración do Plan, “comentou que agora mesmo se atopa na fase de diagnose, que está a piques de concluír, e prevese que a elaboración do mesmo estea finalizada a principios do próximo ano”. Isto supón que as medidas se levaran a cabo “desde o inicio do mesmo.”
A edil ribadense describiu a programación enfocada para a prevención e sensibilización contra a violencia de xénero prevista para este trimestre, que inclúe “actividades dirixidas tanto aos centros de ensino como á poboación en xeral”. Neste sentido, recalcou a relevancia da colaboración entre os distintos axentes nas distintas propostas. “É importante a colaboración dos diferentes axentes sociais presentes na mesa, que participen activamente nos distintos eventos e actividades programadas e que fagan propostas en nome dos organismos que representan. Para asegurar a participación de todas as asociacións convocarase en breve o Consello da Muller”, engadiu.
Ademais, Sanjurjo dixo que as técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) participaron a pasada semana nun Programa da Secretaria Xeral da Igualdade destinado ao impulso das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero. E subliñou que estas mesas locais teñen un rol de gran importancia. “Son un recurso esencial na loita contra a violencia de xénero. A coordinación entre as diferentes institucións é fundamental para abordar este grave problema de maneira eficaz”, explicou.