O investigador focego Xurxo Mariño Alfonso, galardoado co Premio RAGC de Divulgación Científica 2026

O investigador focego Xurxo Mariño Alfonso foi distinguido co Premio da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) de Divulgación Científica 2026, un galardón que recoñece a súa longa e destacada carreira na difusión do coñecemento científico en Galicia, España e a nivel internacional. Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago, Mariño é profesor do departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación Neurocom, ademais de formar parte de varias sociedades científicas nacionais e internacionais e da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega.
A súa traxectoria académica inclúe estadías en centros internacionais de referencia como o New York University Medical Center ou o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT-Boston), onde realizou o seu posdoutoramento. O seu traballo en neurofisioloxía céntrase na electrofisioloxía e farmacoloxía do sistema visual, nos circuítos tálamo-corticais e no ciclo soño-vixilia, tendo publicado numerosos artigos en revistas especializadas e presentado comunicacións en congresos nacionais e internacionais. Ademais, desenvolveu software para estimulación, rexistro e análise electrofisiolóxica, así como ferramentas estatísticas aplicadas á investigación.
Un dos aspectos máis recoñecidos da súa carreira é a divulgación científica. Desde 1994, cando era estudante predoutoral, Mariño iniciou a súa actividade divulgativa coa creación da revista Hallucigenia. É membro fundador da Asociación Galega de Divulgadores Divulgacción e desde 2018 dedica a súa actividade profesional exclusivamente á comunicación científica. Colabora regularmente con medios como Muy Interesante, Mètode, Radio Galega, RNE, Onda Cero, TVG e o programa Órbita Laika de La2-TVE. Ademais, publicou diversos libros de divulgación, entre eles Os dados do reloxeiro, Po de estrelas, Neurociencia para Julia ou Neuronas para la empoción, e mantén o blog Vagamundeando.com.
Mariño tamén é pioneiro nos chamados cafés-teatro científicos, unha combinación de teatro e ciencia que iniciou en 2006 e que foi recoñecida pola FECYT como práctica inspiradora en cultura científica. Estes espectáculos percorreron España e foron levados incluso a unha xira mundial polo Instituto Cervantes.
O investigador amosou a súa “enorme satisfacción” polo galardón, lembrando que “o coñecemento de aspectos científicos básicos é fundamental para desenvolver pensamento crítico. Na vida diaria necesitamos tomar decisións sobre vacinas, enerxía ou alimentos transxénicos. A divulgación científica permite formar unha cidadanía libre e crítica, capaz de comprender o mundo no que vivimos”.