O Instituto Social da Mariña fai balance do último ano
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión de traballo co director provincial do Instituto Social da Mariña, José Vicente Prieto, na que analizaron a actividade deste organismo durante o último ano.
Isabel Rodríguez aproveitou o encontro, que tivo lugar por vía telemática, para destacar o esforzo realizado polo persoal do ISM na provincia, para atender sen demoras ao sector nuns meses nos que a actividade deste organismo tamén se viu condicionado pola pandemia.
A subdelegada destacou a importancia de iniciativas postas en marcha nestes meses como a posibilidade de facer test serolóxicos do covid-19 que se ofrece gratuitamente a todos os tripulantes de buques en mareas superiores a 10 días. Este ofrecemento dirixido aos traballadores do mar é froito dun convenio asinado na primavera pasada pola Dirección do ISM co Sergas.
Na xuntanza tamén se puxo de manifesto que, segundo os datos do Instituto Social da Mariña, a pandemia apenas tivo consecuencias no emprego no sector pesqueiro da provincia. O número total de traballadores que ten afiliados na actualidade o ISM na provincia de Lugo é de 1.618, dos que 458 son estranxeiros, máis da metade deles, 298, proceden de Indonesia.
En 2020, o Instituto Social da Mariña destinou 38.072.624 euros ao pago de pensións a traballadores do mar na provincia de Lugo.
Actualmente, o ISM ten dadas de alta 148 empresas e o número de embarcacións, na súa gran maioría pertencentes ao sector pesqueiro, son 156.