O IES San Rosendo e o Concello de Mondoñedo impulsan a FP agraria como aposta de futuro

O IES San Rosendo de Mondoñedo, en colaboración co Concello, vén de reafirmar a súa aposta pola formación profesional vinculada ao sector agrario, unha área con ampla demanda laboral na comarca. A través dunha xuntanza de coordinación entre ambas entidades, buscouse dar un novo impulso á promoción desta oferta formativa, especialmente agora que está aberto o prazo de matrícula para o curso 2025-2026.
O centro ofertará cinco ciclos da familia profesional agraria: un ciclo básico en Agroxardinaría e composicións florais; dous ciclos de grao medio —Aproveitamento e conservación do medio natural, en modalidade dual intensiva, e Xardinaría e floraría, en dual xeral—; e dous ciclos superiores —Paisaxismo e medio rural, que se imparte en formato modular a distancia, e Xestión forestal e do medio natural, tamén en modalidade dual xeral—.
Desde o IES San Rosendo e o Concello de Mondoñedo anímase a todas as persoas interesadas a consultar a información na web do centro (https://www.edu.xunta.gal/centros/iessanrosendo/) e a achegarse persoalmente para coñecer as instalacións e resolver calquera dúbida. Esta oferta educativa, pensada para responder ás necesidades do medio rural, combina formación técnica, contacto co mundo laboral e compromiso co desenvolvemento sostible.