O IES San Rosendo de Mondoñedo estrea un apiario didáctico para impulsar a formación en apicultura

O deputado provincial Daniel García visitou o IES San Rosendo de Mondoñedo, onde se celebrou a primeira sesión dun curso centrado na instalación de colmeas, organizado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Na xornada inicial abordáronse cuestións clave á hora de escoller a localización dun apiario, como os tipos de floración dispoñibles, a orientación máis adecuada ou a preparación do terreo. A actividade completarase mañá coa posta en marcha dun apiario didáctico cuberto, que quedará como recurso permanente de formación e investigación tanto para o alumnado do centro, que imparte un ciclo de xestión forestal e proxectos ambientais como Rebinxe, como para apicultoras e apicultores da comarca.
Este curso enmárcase no programa de formación en apicultura que a área de Rural vén desenvolvendo nos dous últimos anos coa colaboración da Casa do Mel, co obxectivo de mellorar e actualizar os coñecementos do sector. Xunto a Mondoñedo, concellos como Barreiros, Cervantes, Vilalba e Pantón tamén acolleron recentemente actividades formativas semellantes, que están a contribuír á profesionalización e dinamización da apicultura en diferentes puntos da provincia.