O IES San Rosendo de Mondoñedo acolle unha exposición dedicada a Xosé Vizoso

AMariñaXa
A mostra coincide co aniversario do seu falecemento e busca achegar a súa obra ás novas xeracións
Mondonedo-IES-San-rosendo-expo-Xose-Vizoso-2026
17 Mar 2026

O IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo está a acoller unha exposición centrada na figura e na traxectoria do artista Xosé Vizoso, antigo alumno do propio centro, nunha iniciativa que coincide co aniversario do seu pasamento.

A proposta expositiva pretende poñer en valor a ampla produción artística de Vizoso e facilitar o coñecemento da súa obra entre o alumnado actual, contribuíndo así á difusión do seu legado cultural entre as novas xeracións.

A mostra está composta por distintos paneis informativos nos que se recollen aspectos destacados da súa vida persoal e profesional, así como unha revisión do seu traballo no ámbito da escultura e da tipografía, dous dos campos nos que desenvolveu unha actividade máis significativa.

Esta iniciativa dá continuidade a outras accións impulsadas polo centro educativo para reivindicar a figura do artista mindoniense. De feito, no pasado mes de outubro, coincidindo coa celebración das festas das San Lucas, xa se organizara unha exposición centrada nos carteis que Xosé Vizoso deseñou ao longo dos anos para esta cita festiva.

Con esta nova proposta, o IES San Rosendo reforza o seu compromiso coa divulgación do patrimonio cultural e coa recuperación de figuras destacadas vinculadas á historia do propio instituto e da cidade de Mondoñedo.

0.11675095558167