O IES San Rosendo celebra San Cidre cunha xornada formativa sobre emprendemento rural e cultivo sostible

O IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo organiza unha xornada especial para conmemorar o Día de San Cidre, patrón do campo, cunha actividade formativa aberta ao público que se desenvolverá o xoves 15 de maio a partir das 11:30 horas na súa finca A Granxa.
Durante a xornada, as persoas asistentes poderán participar nun obradoiro práctico de cultivo de cogomelos, onde aprenderán o proceso completo, desde o micelio ata a inoculación. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre emprendemento no medio rural, que ofrecerá unha perspectiva realista e inspiradora sobre as oportunidades que ofrece o campo para o desenvolvemento de proxectos sostibles.
Como colofón, haberá unha visita guiada ás instalacións da Granxa, un espazo educativo que combina a aprendizaxe con prácticas agroecolóxicas.
A inscrición está aberta ata o 12 de maio, e debe realizarse a través do correo mrcouso@edu.xunta.gal. A iniciativa busca fomentar o contacto coa natureza e impulsar a formación vinculada co medio rural, especialmente entre o alumnado e a comunidade educativa.