O IES Ribadeo Dionisio Gamallo recibe a visita de 21 alumnos alemáns de intercambio

TerraChaXa | AMariñaXa
O IES Ribadeo Dionisio Gamallo recibe a visita de 21 alumnos e 2 profesoras dun centro educativo alemán co que realizan un intercambio.
26 Mar 2019

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo recibe a visita de 21 alumnos e 2 profesoras dun centro educativo alemán co que realizan un intercambio. A delegación xermana chegou a Ribadeo hoxe e estará na zona ata o 3 de abril.
O profesor e coordinador de proxectos europeos do centro ribadense, Manel Yáñez Dablanca, anuncia: "imos a disfrutar dun intercambio cun instituto de Dusslingen, Stugart, na zona sur de Alemaña: o instituto Karl von Frisch Gymnasium. Veñen 21 alumnos e 2 profesoras cos que estamos traballando neste proxecto Erasmus+ que leva por título 'O valor da cidadanía. A educación como fundamento de futuro en Europa'."

Manel Yáñez comenta que "mediante este proxecto o que pretendemos é traballar, de forma conxunta, unha serie de temas que nos afectan aos dous países, ás dúas realidades, ás sociedades e aos sistemas educativos, como poden ser o folclore, a economía e todos aqueles elementos que nos fan a vida en común e enterarnos un pouco de como funcionan e ensinarlles como funcionan aquí. Nós elaboramos un dossier no que lles presentamos a nosa comunidade, a nosa vila, os nosos monumentos, o noso traballo e o noso sistema educativo. Da mesma maneira que eles, durante os dez días que fomos en setembro, nos mostraron tamén como estudan alí, como viven e como traballan. Tamén puidemos disfrutar dunha serie de actividades conxuntas e unha serie de viaxes, a Munich e a Estrasburgo, cunha visita ao Parlamento Europeo, xa que a fin de contas as institucións educativas e as institucións públicas forman parte do meollo do noso proxecto. É un proxecto que está subvencionado e do que nós somos coordinadres e levamos o peso desa relación. É un inetercambio de escola con escola, hai moitos tipos de intercambio e neste caso nós funcionamos coma coordinadores".

Yáñez Dablanca destaca que "é unha oportunidade para 21 alumnos do noso centro, un centro pequeno dunha vila pequena, para que teñan contacto con outra nación e cos elementos fundamentais do futuro das nosas nacións, consideramos que é unha liña moi importante e unha obrigación dentro do noso sistema educativo. De feito unha das materias que parte do alumnado cursa titúlase Europa, é dicir, os contidos relacionados coa realidade física, política e social que é a Unión Europea, algo que forma parte dunha vella idea teórica xa dende os gregos, esa idea de cosmopolitismo, que independentemente dos puntos débiles, os problemas, as carencias e as deficiencias que poida ter, sigue sendo unha idea histórica que nos defende dos riscos dunha Europa devastada e dividida, e que polo tanto temos que fomentar. Esa é unha idea fundamental que consideramos que debemos traballar co alumnado e que forma parte dunha das liñas educativas do noso centro. A convivencia e a apertura a Europa forman parte desa idea fundamental da sociedade que queremos construír, que é a fin de contas o elemento principal que cohesiona este proxecto, formar bos cidadáns e boas persoas, e poder disfrutar dun futuro máis xusto, máis tolerante e máis solidario. Esa sería a liña fundamental".

O coordinador de proxectos europeos do IES Ribadeo Dionisio Gamallo explica ademais que "o intercambio que temos co centro alemán será durante dez días. Temos unha serie de actividades previstas, saídas e visitas culturais. Pero tamén unha xornada na que todo o alumnado se dedica a traballar unha serie de contidos interculturais, na que os nosos alumnos fan unha serie de exposicións sobre determinados elementos culturais e folclóricos da nosa sociedade. Ademais aproveitaremos para visitar en Santiago a catedral, o Pórtico da Gloria, o Parlamento...; iremos á Coruña e visitaremos os museos. Dalgunha maneira terán unha imaxe do movemento cultural e das iniciativas que nos como comunidade e como pobo ofertamos cara Europa e cara o mundo. Tamén visitaremos A Mariña, unha parte próxima dos nosos veciños asturianos, poderemos ver unha carpintería de ribeira, a lonxa e o barco boniteiro de Burela, para que tamén confronten un pouco esa diversidade de recursos económicos que teñen os nosos países. Eles viven no interior, rodeados de terra en máis de mil quilómetros, e nós vivimos á beira do mar, xusto na ribeira, e o noso recurso fundamental e a nosa preocupación forma parte desa actividade que pretendemos dar a conocer. O mércores 3 de abril marcharán, e a partir de aí seguiremos intercambiando unha serie de actividades e conclusións que intentaremos dar a coñecer tamén dende o instituto para que chegue dalgunha forma á sociedade".

0.16427516937256