O IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou na xornada Euroscola do Parlamento Europeo

AMariñaXa
O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, no seu papel de Escola Embaixadora do Parlamento Europeo participou na xornada Euroscola
O IES Ribadeo co Parlamento Europeo
12 Dec 2021

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, no seu papel de Escola Embaixadora do Parlamento Europeo foi un dos 3 centros españois elixidos para participar na xornada Euroscola na que se preguntou aos adolescentes sobre a Transformación dixital do mundo e a súa visión desta era dixital. As súas aportacións e ideas  poden seguirse na páxina youthideas.eu do parlamento Europeo. 

Os temas de debate e a posterior proposta de ideas versaron sobre ciberseguridade e protección de datos, desinformación e fake news e o problema  das adiccións dixitais. 

A sesión abrangueu 2 horas e foi inaugurada polo presidente do Parlamento  Europeo David María Sassoli. A segunda interveniente foi a Vicepresidenta Nicole Beer que, logo da súa presentación, respondeu as preguntas variadas  que o alumnado facía a través da plataforma virtual e tamén a través dunha  aplicación móbil posta a disposición dos centros polo Parlamento. A terceira  parte do evento estivo coordinada por Markus Warasin, xefe de unidade da Dirección Xeral de Políticas Exteriores da Unión, que presentou as cuestións de  debate e respondeu as preguntas realizadas desde as distintas escolas europeas. O peche da actividade realizouno Ciril Stokelj, da Dirección Xeral de Comunicación do Parlamento. 

O alumnado valorou sobre todo a gran participación e compromiso escolar entre tantos países, e tamén a proposta de cuestións de actualidade que deron a  oportunidade á mocidade de aportar posibles solucións aos diferentes problemas  que acompañan ás redes sociais e ao mundo dixital en xeral. 

Este evento forma parte do programa de actividades formativas que o IES  Ribadeo propón como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo para o seu alumnado, e pronto terá continuación con temas  relacionados coa participación cidadá e o medio ambiente. Agardamos que os  valores de respecto, cooperación e preocupación polo mundo no que vivimos  sirvan de acicate para avanzar na convivencia pacífica de todos os pobos. 

0.13424706459045