O IES Ribadeo Dionisio Gamallo abre un novo curso como Escola Mentora do Parlamento Europeo

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo iniciou este mércores, 8 de outubro, o seu labor como Escola Mentora das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo co acto de entrega de diplomas do curso 2024-2025 e cunha charla impartida por Rosita Bugiolacchio, da Asociación INGALICIA. A relatora introduciu ao alumnado nas múltiples oportunidades que ofrecen os programas Erasmus+, os Corpos Europeos de Solidariedade e as actividades de voluntariado vinculadas á axuda humanitaria, abrindo unha xanela ás posibilidades de participación xuvenil no contexto europeo.
Con esta primeira actividade, o centro ribadense dá comezo a un novo curso de traballo divulgador e formador en valores, desde unha perspectiva ampla e plural. O obxectivo é animar ao alumnado a implicarse en programas e proxectos que lles permitan coñecer, compartir e reflexionar sobre os cambios sociais, ecolóxicos, económicos e políticos que configuran o mundo actual.
O coordinador de proxectos europeos, Manel Yáñez Dablanca, explicou que o traballo do alumnado, tanto individual como en grupo, “busca ofrecer unha mirada crítica e consciente da realidade, fomentando ao mesmo tempo a participación cidadá e o compromiso social”. Engadiu que “tomar conciencia do que somos, do que aprendemos e do que podemos compartir é esencial para construír o futuro que temos en común”.
O IES Ribadeo Dionisio Gamallo é un dos sete centros galegos recoñecidos como Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo e, ademais, figura entre as cinco Escolas Mentoras existentes en Galicia (64 en toda España). A participación neste programa permite ao alumnado coñecer de preto o funcionamento das institucións europeas e o papel que xogan na democracia parlamentaria.
O labor da dirección e do profesorado complétase con materiais didácticos facilitados polo Parlamento Europeo, con puntos de información permanentes sobre a actualidade comunitaria (Info-Points), coa celebración do Día de Europa e con outras actividades destinadas a fomentar o coñecemento de Europa e da súa diversidade.
Desde o centro destacan que esta iniciativa “é unha oportunidade para fortalecer os valores de tolerancia, participación e pensamento crítico”, e para que a mocidade se forme como cidadanía activa nunha sociedade aberta e democrática.