O IES ribadense advirte cunha charla sobre a emerxencia climática

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
4 Oct 2019

No IES Ribadeo Dionisio Gamallo, o departamento de Filosofía, en colaboración co departamento de Bioloxía, planificou unha charla coa intervención de Iván Rodríguez Lombardero, xeólogo ambiental, coordinador comarcal do SLG na Mariña, para os grupos de 1º de Bacharelato e un grupo de 2º Educación Secundaria Obrigatoria, co obxectivo de sensibilizar a todo o alumnado sobre a situación de risco que vive actualmente a nosa sociedade, o grave perigo que supón a contaminación nas variadas facetas que abrangue, e sobre todo o perigo que supón unha actitude irresponsable cara ao planeta. 

A preocupación polo clima é xa unha cuestión que transcende o ámbito social e político, e que se incardina con actualidade no entramado educativo. Estas consideracións partiron dos científicos, que son os que novedosamente, puxeron en garda aos poderes públicos polo uso irresponsable dos recursos naturais e polo consumo indiscriminado de combustibles fósiles. Pode que nunca antes un movemento de masas se estendera de forma tan rápida por todas as capas da sociedade.

Os seus protagonistas son os fillos e fillas dunha xeración que viviu a benevolencia económica, son os que viron en primeira persoa os atentados do 11S, de Madrid, de Londres, ... que son coetáneos das crises económicas do 2008, do 2011,... e son, en definitiva os e as que temos nas clases dos nosos centros.

Os contidos teóricos da devandita charla son tratados nos cursos de secundaria e 1º de bacharelato respectivamente, e abranguen o problema do consumo, o medio ambiente, a contaminación, os valores ecolóxicos,... todos eles temas e conceptos que forman parte do currículo de Filosofía a través das distintas disciplinas integradas (Valores Éticos, Valores Democráticos Europeos, Filosofía, Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía, Europa,...). A sociedade actual necesita coñecer e sensibilizar á cidadanía en xeral e á xuventude en particular sobre estas realidades cotiás das que depende o noso presente e o noso futuro. Así mesmo, os grupos de 1º ESO levaron a cabo a realización de debuxos e posters coa temática do clima que están expostos no corredor do 1º andar.

A importancia destes aspectos pon de relevo a necesidade da educación ecolóxica na praxe docente e por esta razón queremos completar esta xornada con distintas e variadas actividades ao longo do curso. De feito entre o 7 e o 28 de outubro contarán cunha exposición sobre as Reservas da Biosfera á que poderá ter acceso toda a cidadanía, e á que seguirán outras coa mesma temática e preocupación medioambiental ao longo do curso.

Esperamos desta forma, contribuír á necesaria sensibilización sobre os recursos do planeta e o risco de supervivencia que corre a sociedade nun futuro que xa temos presente.

0.14476084709167