O IES Perdouro triunfa na Olimpíada Robótica de Ferrol co premio Todo Terreo e tres ouros nas probas técnicas

AMariñaXa
O alumnado burelao destaca entre 200 estudantes galegos nunha competición que pon en valor a innovación e o talento xuvenil
Burela_bot_-IV-Olimpiadas-Robotica-2025
5 Apr 2025

O IES Perdouro de Burela brillou con luz propia na IV Olimpíada Robótica organizada pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), celebrada o venres 4 de abril no Campus Industrial da cidade. O equipo Burela-bot, na categoría Elite (3º e 4º da ESO), acadou o premio Todo Terreo, que recoñece ao grupo máis completo da competición ao obter a maior puntuación nas tres probas principais: segue-liñas, barrendeiro e sumo.

O recoñecemento foi entregado pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, no transcurso dun evento que reuniu a preto de 200 estudantes de centros educativos de toda Galicia.

Pero o éxito do centro burelao non rematou aí: os equipos do IES Perdouro tamén conquistaron tres ouros nas probas técnicas da categoría Elite. O robot Torques-bot logrou a medalla de ouro tanto na proba de segue-liñas como na de sumo, mentres que o Reliño-bot obtivo a prata na mesma categoría de segue-liñas, demostrando a calidade e preparación dos seus participantes.

A competición, que se desenvolveu entre o Pavillón de Esteiro e o Salón de Actos Concepción Arenal, contou coa participación de centros de Ferrol, Fisterra, Cariño, Narón, Betanzos ou Mugardos, entre outros. Esta iniciativa fomenta a creatividade, a aprendizaxe colaborativa e o interese polo ámbito STEM entre o alumnado de secundaria.

⚙ Configurar cookies
0.16953206062317