O IES Perdouro de Burela foi premiado no 1º Concurso escolar sobre reanimación cardiopulmonar
O IES Perdouro de Burela foi premiado no 1º Concurso escolar sobre reanimación cardiopulmonar, organizado polo Colexio Oficial de Médicos da Coruña.
No transcurso do acto de entrega de premios, o representante autonómico gabou a calidade dos proxectos premiados e a variedade de formatos empregados por alumnos e profesores para promover as técnicas de resucitación. “O Goberno galego leva anos apostando pola formación de docentes e estudantes nesta materia, facilitándolles unhas nocións moi valiosas para salvar vidas nunha determinada situación de emerxencia”, destacou.
Os centros premiados son o Centro Público Integrado CPI O Cruce de Cerceda, o colexio Peleteiro de Santiago de Compostela, o colexio CEIP Isidro Parga Pondal de Oleiros e o IES Perdouro de Burela.
O proxecto premiado no IES Perdouro foi o cartel Dá Vida, dun grupo de alumnado de 4º ESO, que explica os distintos aspectos da reanimación cardiopulmonar e ao que se lle deu difusión tanto nas diferentes aulas do instituto como na radio de Burela. O xurado valorou o esforzo de información e concienciación, non só no propio centro educativo senón tamén á comunidade local.
Fomento dos coñecementos en RCP
O certame dirixiuse ao alumnado de Educación Primaria, Secundaria, FP e ás anpas dos centros educativos de Galicia, co obxectivo de impulsar a formación dos alumnos destas etapas sobre os coñecementos de reanimación cardiopulmonar básica e sobre as decisións máis adecuadas diante dunha parada cardíaca, en función da súa idade
A participación organizouse por etapas educativas e por aulas. Cada un dos equipos participantes presentou un proxecto con actividades de fomento do coñecemento das pautas para realizar as manobras de resucitación cardiopulmonar dentro da súa contorna, en diferentes soportes: cartel, infografía, peza audiovisual, conto, mural... Cada aula premiada recibiu como agasallo un curso de alimentación cardiosaudable e un xogo de mesa sobre reanimación cardiopulmonar e emerxencias.