O IES Monte Castelo será Escola Mentora do Parlamento Europeo no curso 2025-2026

AMariñaXa
Tras tres anos como centro embaixador, o instituto burelao ascende na rede educativa europea e acompañará a outros centros no seu camiño de aprendizaxe sobre as institucións comunitarias
Burela-IES-Monte-Castelo-escola-Mentora-parlamento-europeo-2025
20 Jul 2025

O IES Monte Castelo de Burela continúa a súa traxectoria de compromiso coa cidadanía europea e dá un paso máis cara á internacionalización: vén de ser seleccionado como Escola Mentora do Parlamento Europeo para o curso 2025-2026. Este recoñecemento supón un salto cualitativo na súa participación no programa “Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo”, no que levaba xa tres anos implicado como centro embaixador.

O centro foi elixido entre máis de 390 solicitudes presentadas por centros educativos de todo o Estado, dos cales foron finalmente seleccionadas 127 escolas como embaixadoras e 64 como escolas mentoras (MEPAS). A distinción supón unha honra para a comunidade educativa de Burela, que ve recoñecido o seu labor na promoción dos valores europeos, o coñecemento das institucións da Unión e a participación activa da mocidade.

“O traballo do noso alumnado e profesorado foi clave neste proceso. Levamos anos organizando actividades, debates e propostas arredor da cidadanía europea, e agora toca compartir a nosa experiencia con outros centros que se incorporan ao programa”, explican desde o equipo docente do IES Monte Castelo.

Como Escola Mentora, o instituto asumirá a tarefa de acompañar e guiar a novos centros educativos que se integren nesta rede, ofrecéndolles apoio, orientación e recursos para desenvolver proxectos relacionados coa democracia europea, os dereitos fundamentais ou o funcionamento do Parlamento.

Desde a posta en marcha deste programa, máis de 41.000 estudantes en toda Europa teñen participado activamente en iniciativas vencelladas á educación para a cidadanía europea. O IES Monte Castelo únese agora ao grupo de centros de referencia que lideran esta rede de aprendizaxe e intercambio, afondando no seu compromiso coa formación crítica, participativa e democrática do seu alumnado.

⚙ Configurar cookies
0.1030421257019