O IES Monte Castelo de Burela acolle a exposición 'Galegoza. A canción en galego'

AMariñaXa
A mostra, impulsada pola Deputación de Lugo, busca achegar ao alumnado a diversidade musical en galego
25 Feb 2025

O IES Monte Castelo de Burela acolle ata o 13 de marzo a exposición Galegoza. A canción en galego, unha iniciativa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a riqueza e diversidade da música en galego.

Na inauguración da mostra participaron o deputado de Mocidade, Daniel García, e o tenente de alcalde de Burela, Mario Pillado. O crítico musical e comisario da exposición, Pepe Cunha, guiou ao alumnado nun percorrido polos paneis que conforman a exposición, repasando a historia da música galega desde os anos sesenta ata a actualidade. Durante o acto, tamén se destacou a traxectoria de artistas da Mariña como Ugía Pedreira, presente no evento, ou Nuno Pico, antigo alumno do centro.

Daniel García subliñou que esta mostra demostra que "o galego non ten límites, que en galego se fai música de moitísima calidade e en todos os estilos", e animou ao alumnado a aproveitar a exposición para descubrir novos artistas e apoiar iniciativas musicais no noso idioma.

A exposición está composta por unha trintena de paneis que recollen a evolución da música en galego en diferentes xéneros: desde a actualización dos ritmos tradicionais ata o pop, rock, canción de autoría, experimentación, electrónica, hip hop ou rap. Ademais, incorpora códigos QR que permiten escoitar unha selección de temas representativos da evolución musical descrita na mostra.

Deseñada pola directora de arte Belén Freijeiro, Galegoza estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr Afonso de Sarria e percorreu diferentes centros educativos da provincia antes de chegar a Burela.

⚙ Configurar cookies
0.17224907875061