O IES Marqués de Sargadelos mergúllase no deporte acuático cunha nova actividade para o alumnado de 4º da ESO

AMariñaXa
O Concello de Cervo promove un curso de iniciación ao mergullo para achegar a mocidade ao medio mariño e fomentar hábitos saudables
Cervo-IES-Marques-de-sargadelos-actividade-mergullo
11 Jun 2025

O alumnado de 4º da ESO do IES Marqués de Sargadelos poderá vivir unha experiencia única o vindeiro luns grazas ao curso de bautismo de mergullo organizado co apoio do Concello de Cervo. A proposta, que combina teoría e práctica, permitirá ás rapazas e rapaces ter unha primeira toma de contacto co mergullo deportivo, nunha iniciativa pensada para reforzar o vínculo coa contorna natural e poñer en valor o medio mariño da Mariña lucense.

A actividade desenvolverase en dúas fases ao longo da xornada. Pola mañá, as sesións celebraranse na piscina municipal, onde o alumnado recibirá unha formación básica tanto teórica como práctica. Xa pola tarde, será o momento de dar o salto ás augas abertas na Praia da Caosa, onde poñerán en práctica os coñecementos adquiridos nun espazo real e supervisado por profesionais.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, desprazouse ata o centro para presentar a actividade e compartiu o seu entusiasmo pola posta en marcha da iniciativa. "Queremos que a nosa mocidade teña a oportunidade de descubrir novas paixóns, especialmente aquelas que conectan co noso entorno e promoven estilos de vida sans", destacou. Tamén fixo fincapé na vontade do Concello de seguir tendendo pontes co ámbito educativo: "Este tipo de colaboracións enriquecen a experiencia escolar e axudan ao alumnado a abrir horizontes máis aló do currículo académico".

Caramés incidiu na importancia de crear actividades que esperten intereses, potencien o coñecemento do mar e reforcen a identidade mariñeira da zona: "Este tipo de propostas poden ser a semente de futuras vocacións, ademais de contribuír a crear conciencia ambiental e apego polo noso patrimonio natural".

O curso será gratuíto, de participación voluntaria e impartido por persoal técnico cualificado. Conta con todas as garantías de seguridade e forma parte das accións impulsadas polo Concello para fomentar o deporte e a educación de maneira transversal entre a xuventude cervense.

⚙ Configurar cookies
0.16688299179077