O IES Dionisio Gamallo de Ribadeo aposta pola convivencia escolar e lingüística cun intercambio en Francia
Alumnado de 4º de ESO e 1º Bacharelato do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo acompañados polas súas profesoras de francés, Ana Mauriz Digón e Natalia Pérez García, participaron nun intercambio cultural e lingüístico con alumnado dun centro educativo francés da rexión académica de Bretagne, o Lycée René Laënnec, no país galo, a través do programa EduFrance.
O obxectivo deste Programa da Xunta é continuar coas accións de mellora enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que aposta decididamente por unha educación intercultural e multilingüe. O programa deulles a posibilidade de escoller o tipo de centro lycée ou collège e a rexión académica Hauts de France ou Bretaña.. A estancia do alumnado ribadense en Francia tivo unha duración de 7 días e desenvolveuse do luns 20 ó domingo 26 de maio, baixo a tutela das coordinadoras dos centros Mme. Gaëlle Moreno e Dª Ana Mauriz Digón respectivamente, e agardan recibir os estudantes franceses en Ribadeo a principios do vindeiro curso escolar.
Durante esta viaxe fixeron unha primeira parada para coñecer París, visitando algúns dos seus lugares máis emblemáticos incluíndo un cruceiro polo Sena. Ao día seguinte, colleron o tren para dirixirse ata a Bretaña á cidade de Pont L’Abbé. Durante o período de intercambio, os 14 alumnos e alumnas participantes asistiron ás clases no Lycée René Laënnec de Pont l’Abbé e aloxáronse coas familias do alumnado francés. Nesta zona puideron realizar a visita guiada de Pont l’Abbé et de Quimper.
O venres foi un día moi especial xa que xunto cos seus correspondants e os seus enseignants puideron coñecer Loctudy, a vila de Bretaña irmandada coa vila de Ribadeo e aproveitaron este intercambio para poder reforzar o lazo existente entre elas. Tras unha ruta pola preciosa ría polo chemin du halage e o bois de Rosquerno, chegaron a Loctudy onde viñeron a recibirlles o comité de Jumelage (a asociación de irmandade) entre Loctudy e Ribadeo. Tiveron unha recepción no Concello e se achegaron á rúa que leva o nome de Ribadeo nesta vila. Pola tarde o alumnado francés e galego puido disfrutar dunha actividade náutica de iniciación ao paddle surf e ao kayak no CNL de Loctudy.
Iniciación á danza bretoa
Remataron a xornada cunha festa no Lycée con buffet de especialidades de Bretaña e unha clase de iniciación á danza bretoa na que o alumnado participou con moito entusiasmo. O sábado foi un día para compartir coas familias. Coa súa participación neste programa promóvese a convivencia escolar, lingüística e cultural entre Galicia e Bretaña, tendo en conta o enorme interese que o ensino da lingua, a literatura e a cultura, tanto galegas como españolas, suscitan na rexión francesa, así como a afección pola lingua e a cultura do país veciño no sistema educativo da nosa Comunidade.
O IES de Ribadeo Dionisio Gamallo continúa así o seu traballo en pro da europeización do alumnado promovendo actividades que favorezan unha educación integral, plural e aberta, que defendan os valores democráticos, e que asenten os principios de igualdade que debemos defender como alicerce do noso futuro como sociedade. Principios e obxectivos que están na base do seu traballo como Centro Mentor das Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.