O IES de Foz reúne talento internacional na súa cita anual cos mellores baristas

Foz
AMariñaXa
Os certames de barismo e cata celebraranse do 25 ao 27 de febreiro cun récord de participación de centros de España, Portugal e Italia
Ies-de-Foz-record-inscritos
10 Feb 2026

O IES de Foz converterase de novo, entre os días 25 e 27 de febreiro, nun punto de referencia para a formación e a excelencia no ámbito da hostalería coa celebración dunha nova edición dos seus recoñecidos certames de baristas. A convocatoria bate este ano todas as marcas ao reunir 26 centros educativos procedentes de 14 comunidades autónomas españolas, ademais de participantes chegados desde Viana do Castelo, en Portugal, e Brescia, en Italia.

O centro, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, deu a coñecer este martes o programa da XVIII edición do Campionato de Baristas e da XIII edición do Campionato de Cata. Na presentación participou a directora territorial da consellería en Lugo, Sagrario Sánchez, quen puxo en valor o labor desenvolvido pola comunidade educativa do instituto e destacou a importancia do respaldo recibido por parte de máis de cincuenta patrocinadores e entidades colaboradoras.

O inicio oficial do evento terá lugar o mércores 25 ás 16.00 horas coa recepción do alumnado participante. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, celebrarase a primeira proba do Campionato de Cata. Ademais, á entrada do salón de actos instalarase a “KahvehVAN”, a furgoneta gastronómica do propio centro, na que o público asistente poderá degustar cafés de once torradores diferentes, preparados por baristas profesionais, nunha experiencia que combina formación, innovación e divulgación da cultura cafeteira.

⚙ Configurar cookies
0.064945936203003