O IES de Foz, referente na hostalaría, recibe o Premio Picadillo

O IES de Foz acaba de ser distinguido co Premio Picadillo na categoría de formación, un galardón que recoñece o seu compromiso coa educación de calidade no ámbito da hostalaría, concretamente na especialización de baristas. Este recoñecemento foi concedido no marco do Galicia Fórum Gastronómico, unha das citas máis relevantes do sector a nivel autonómico.
Desde o centro mostraron a súa satisfacción polo premio e agradeceron o xesto con palabras cargadas de entusiasmo: “Moitas grazas ao Galicia Fórum Gastronómico por este recoñecemento! Seguiremos apostando sempre por unha formación de calidade para o noso alumnado”.
O instituto focego leva anos traballando arreo para ofrecer ao seu alumnado unha preparación sólida e adaptada ás necesidades reais do sector hostaleiro, cunha atención especial á formación práctica e ao coñecemento das últimas tendencias. Este premio vén reafirmar o labor do equipo docente e o compromiso dun centro que se consolida como referente na educación profesional na Mariña lucense.