O IES de Foz protagoniza a oferta gastronómica da XXIV Festa do Berberecho

Foz
AMariñaXa
O alumnado de Hostalería elaborará centos de quilos de pratos e encargarse tamén do servizo ao público
IES-Foz-Berberecho
9 Apr 2026

O IES de Foz volverá ter un papel protagonista na XXIV Festa do Berberecho, que se celebra esta fin de semana, cunha ampla proposta gastronómica elaborada polo alumnado dos ciclos formativos da familia de Hostalería. A directora territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Sagrario Sánchez, participou na presentación dos menús que se ofrecerán durante o evento.

O centro educativo encárgase da preparación das racións de berberechos e mexillóns, consolidando así a súa implicación nesta cita culinaria. Os pratos son deseñados polos propios estudantes, que ao longo da semana traballan na súa elaboración para garantir a calidade das propostas.

Nesta edición, o público poderá degustar 200 quilos de berberechos ao vapor, 100 quilos de berberechos con guacamole, 200 quilos de ensaladilla de mexillón en escabeche e outros 200 quilos de mexillón tigre. Trátase dunha oferta variada que combina receitas tradicionais con elaboracións máis innovadoras.

O servizo das degustacións correrá a cargo do alumnado do ciclo medio de Servizos de Restauración, que tamén participa activamente na organización. Ademais, o instituto levará ao recinto festivo a súa furgoneta Kahvevan, na que se servirá café aos asistentes.

Durante a presentación, Sagrario Sánchez puxo en valor o dinamismo do IES de Foz e a súa implicación en iniciativas que contribúen a visibilizar a calidade da formación que ofrece. Así mesmo, destacou que este tipo de actividades permiten ao alumnado adquirir experiencia nun contexto real de traballo, clave para a súa futura inserción profesional.

0.12306618690491