O IES de Foz estrea unha nova Aula Tecnolóxica de Tostado de Café para reforzar a innovación na FP

Foz
AMariñaXa
O espazo, que abrirá en marzo cun investimento de 55.000 euros, permitirá ao alumnado traballar cun tostadeiro profesional e reproducir procesos reais do sector
AULA-TECNOLoXICA-DO-TORRADO-DO-CAFe-DO-INSTITUTO-DE-FOZ-2025
6 Dec 2025

O IES de Foz dá un novo paso na súa aposta pola modernización educativa coa incorporación dunha Aula Tecnolóxica de Tostado de Café, un espazo especializado que foi inaugurado hoxe polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. A nova instalación, que entrará en funcionamento no mes de marzo, supón un investimento de 55.000 euros por parte da Xunta de Galicia e sitúa ao centro focense como referente na innovación dentro da Formación Profesional.

A aula foi deseñada para reproducir fielmente a contorna dun tostadeiro profesional, ofrecendo ao alumnado a posibilidade de coñecer en detalle todo o proceso do café: desde o tratamento inicial do gran verde ata a preparación final do produto. Para iso, o espazo está equipado con maquinaria específica, como sistemas de medición de humidade, densidade e tamaño do gran, un muíño especializado para probas de cata e un torrador profesional con capacidade para dous quilos.

Durante a visita, Rodríguez —acompanhado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez— salientou que esta nova aula “demostra que a Formación Profesional evoluciona para adaptarse ás necesidades reais do mercado laboral, formando profesionais preparados para responder ás demandas do sector”. Ademais, destacou que contornas como esta “permiten ao alumnado experimentar en escenarios que replican a dinámica dos centros de traballo, mellorando a súa capacitación e empregabilidade”.

A nova infraestrutura do IES de Foz intégrase dentro dos espazos de tecnoloxía aplicada que impulsa a Consellería, orientados a simular ambientes profesionais a través de equipos tecnolóxicos avanzados. Segundo as especialidades de cada centro, estes espazos poden incorporar impresión 3D, realidade inmersiva, realidade virtual e mixta, tecnoloxía holográfica, intelixencia artificial aplicada ou equipos informáticos de altas prestacións.

No curso 2025/2026, funcionan en Galicia 115 aulas de tecnoloxía aplicada en centros de Formación Profesional, unha rede que se consolida como motor de innovación grazas a un investimento de 6,3 millóns de euros nos últimos catro anos. Cada unha destas salas está chamada a actuar como referente sectorial, favorecendo a colaboración entre administracións, centros educativos e empresas, e fortalecendo a conexión entre formación e mercado laboral.

⚙ Configurar cookies
0.085823059082031