O IES de Foz acollerá en febreiro de 2026 os campionatos internacionais de baristas e cata de cafés

Foz
AMariñaXa
A cita reunirá estudantes de escolas de hostalería de distintos países e converterá á Mariña en capital europea do café
Foz-baristas-2020-1
26 Oct 2025

O Instituto de Educación Secundaria de Foz será o escenario, os días 25, 26 e 27 de febreiro de 2026, dunha das citas máis destacadas do calendario hostaleiro: o XVIII Campionato Internacional de Baristas e o XIII Campionato Internacional de Cata de Cafés.

O encontro, promovido pola Xunta de Galicia e integrado dentro da rede de formación profesional, reunirá a estudantes e profesionais de escolas de hostalería de diversos países, que competirán en distintas probas técnicas para demostrar as súas habilidades na preparación, servizo e degustación do café.

Ademais da vertente competitiva, o evento quere ser unha oportunidade para difundir a cultura do café entre a cidadanía e poñer en valor a preparación artesanal desta bebida, cunha programación paralela que incluirá obradoiros, catas guiadas e exhibicións abertas ao público.

Dende a organización destacan que estes campionatos “permiten mostrar o talento da mocidade que se forma nas escolas de hostalería e reforzan a importancia da profesionalización nun sector en constante evolución”.

Con esta iniciativa, Foz consolídase un ano máis como referencia internacional no mundo do café, atraendo a centos de visitantes, expertos e amantes desta bebida que atoparán na Mariña un espazo para compartir coñecementos e experiencias.

⚙ Configurar cookies
0.076627016067505